Borrando unha raia!

Son Daniel Borja Durán Alonso, profesor de Linguaxe Musical no Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo. Por segunda vez ando embarcado nun proxecto Erasmus, agora Erasmus+, co obxecto de ir coñecer centros de ensinanza musical de diferentes cidades de Europa, e copiar un feixe de cousas para despois pegalas no noso conservatorio. Nesta ocasión, a miña mobilidade (é este o seu nome formal) vaime levar á capital; vaime levar a capital porque dende hai máis ou menos un mes as cousas ando a velas con ollos de suevo. A isto lle compre unha aclaración.
Quen me coñece, e ten padecido a escoita do relato dun feito pola miña persoa, sabe que teño o grande defecto de contextualizar, e contextualizar, e contextualizar, e o caso é que o feito non da chegado! Penso que, as veces, máis que a ansia de actuar con pedagoxía aportando unha base sobre a que comprender mellor a dimensión do feito, é soamente o gusto por facer as cousas cun certo exceso de dramatismo e teatralidade. Pero si que algo de convencemento debe haber no meu proceder hipercontextualizado, porque cando teño que ocuparme de calquera tarefa adoito mergullarme no asunto con risco de perder o sentido. Se a cousa vai dunha visita a un centro de ensinanza musical no Portugal de 2020, que fago en Ourique, en 1139, no medio da batalla do mesmo nome, en Auckland en 2013 na entrega do Premio Sir Geoffrey Jellicoe ao arquitecto paixasita Gonçalo Ribeiro Telles, ou en 1986 presenciando no Diário da República, o curmán portugués do noso BOE, a publicación da Ley de Bases do Sistema Educativo?
O caso é que levo algunhas semanas tentando apañar todo o que podo acerca desa parte da Península Ibérica á que as veces miramos pouco, e á que as veces tamén aprezamos pouco, chamada Portugal. En xeral, sosteño o criterio segundo o cal unha necesidade debería tentar cubrirse primeiro cos recursos que temos preto de nós. E nese cesto chamado necesidade podo botar dende a formación dun profesor ata unha nova praia na que ir mollar os pés. Cidadá galega, cidadán galego, con que grao de proximidade percibimos ao noso veciño Portugal? Como de grosa e opaca é para cada un de nós a raia que separa as nosas terras? Cantas veces, compañeira ou compañeiro ensinante da linguaxe da música, imos á procura dunha canción portuguesa cando se trata de recompilar materiais para a aula?
Alomenos, para mín, estes días de ler e pensar sobre este asunto servíronme para xerar unha certa inquedanza proveitosa da que espero veña unha axeitada e obrigada atención a un pobo que, ata un momento da nosa historia planetaria, foi o mesmo pobo.
Dende neno, e en relación cos acontecementos da historia, sempre resultoume divertido é un tanto vertixinoso pensar, engado que considero todo isto como absolutamente absurdo, como podería ter sido aquela se algún dos feitos que a constrúen tivera sido diferente. No transcorrer das miñas clases sempre boto man daquela serie que publicara Marvel Comics titulada 'What if?' e que xogaba precisamente con como tería mudado a historia se, por exemplo, o Capitán América tivera sido elixido presidente dos Estados Unidos. Todo isto o fago para tentar achegar ao alumnado a idea de que moito do que lles ensinamos acerca da linguaxe da música non é así porque non poida ser doutro xeito senón porque en momentos precisos da historia a comunidade de músicos colleou determinados camiños. Que tería sucedido se algún deses acontecementos que fixeron que Galicia e Portugal deixasen de seren a mesma terra non tivesen ocorrido? Non sei dicir, e tampouco serve isto máis que para empregar algúns minutos nunha nada útil divagación, pero o que si sei é que para ler sobre a historia dos nosos veciños, o meu prezado libro do profesor Ramón Villares sobre a historia da nosa comunidade foi, ata alomenos o século XII, o recurso que empreguei.
Non me estenderei moito máis nesta primeira entrada. Para non descoidar ese contexto que tanto aprezo, cómpre engadir que o meu destiño concreto vai ser o Conservatório de Música Calouste Gulbenkian de Braga no que espero pasar cinco provitosas xornadas.
Saúdos!

Comentarios

Entradas populares